luns, 15 de xuño de 2020

ÚLTIMA SEMANA. DO LUNS 15 AO VENRES 19

E xa está! Chegamos ao final. Que curioso e estrano foi todo dende o 13 de marzo. Levabamos un curso bó, facendo as cousas a un ritmo axeitado. O mércores 11 foramos a Ikea comer unha ensalada saudable e ao día seguinte... PAFFFF!! Suspensión das clases presenciais e aquí viñemos, a esta especie de aula virtual na que fomos facendo actividades de todo tipo e penso que algo novo aprendestes e tamén repasastes.

É certo que isto foi algo tan excepcional que nin os adultos nin vós estabamos preparados para unha pandemia. Pero botando a vista atrás, tamén hai que ver que fomos capaces de manternos en contacto e de seguir conectados dalgún xeito.

A estas alturas (15 de xuño) xa estades avaliados e poderiase dicir que xa sodes rapaces e rapazas de Secundaria. Por iso quería que estes días fixerades algo que pensaba facer na clase cos ordenadores (se aínda vivían) e que ten que ver con todas as áreas. Os mestres e as mestras temos que facer cada curso en xuño unha memoria do noso traballo. Pois iso é o que quero que fagades, pero non dun curso, senón de toda unha etapa da vosa vida que durou 9 anos, dende que entrastes na escola en setembro de 2011 (algún un curso antes).

Xa que logo, gustaríame que usando os medios informáticos, as TIC's, fagades unha presentación en power point ou similar sobre...

A VOSA VIDA NO ANXO DA GARDA 



Instruccións

  • Usando medios informáticos facer unha presentación (ou vídeo, se vos atrevedes) que resuma os vosos 9 anos no colexio. Se tedes dificultade para usar power point ou similar, tamén podedes usar un procesador de texto, pero teredes que escribir máis...
  • Como é un traballo no que hai que facer referencia ás áreas que tivestes, podedes dedicar dúas ou tres diapositivas para cada unha: Valores ou Relixión, Matemáticas, Ciencias Sociais, Ciencias Naturais, Educación Física, Educación Artística (Música e Plástica), Lingua Galega, Lingua Castelá, English e Francés, poñendo as asignaturas de 6º. Tede en conta que en Infantil non había asignaturas como tal, pero seguro que fixestes moitas cousas e proxectos.
  • De cada área procurade escribir que vos gustou e que non e sobre todo, qué actividade recordades con moito cariño porque vos motivou ou porque o pasastes moi ben. Por exemplo, en 5º fixemos este blog como actividade de linguas para a expresión oral, aproveitando a Hora de Ler; tamén fixemos un libro sobre especias e infusións, en Matemáticas veu aquel rapaz a dar Xeometría utilizando a maxia...; seguro que en cursos anteriores recordades outras actividades que tamén vos gustaron ou que significaron moito para vós. Por exemplo, cando aprendestes a ler, cando xa sabiades restar... non sei, o que se vos ocurra.
  • Deberiades facer antes unha lista escrita desas actividades que vos gustaron para logo escoller. Xa veredes cantas saen!
  • Falade tamén dos vosos mestres e das vosas mestras, dende Infantil ata 6º. Sería moi bonito ter un recordo para elas / eles porque seguro que significaron moito para algún ou algunha de vós. Eu sei que estivestes con Mª José Couso e con Ana, pero non sei quen estivo con vós en Infantil. Tamén profes que xa non están no cole e que recordades con cariño, etc. En fin, o que queirades expresar.
  • Poñede tamén dúas ou tres diapositivas dalgunha saída que vos gustase moito. Recordo, por exemplo, en 5º, que vos encantou "Multa ou flor"; ou dalgunha actividade que fixerades no colexio por parte do Concello ou dalgunha institución, como as charlas de Educasaúde ou as de prevención do acoso escolar. 
  • Como sabedes, mandei ás vosas familias un arquivo con fotos e vídeos desas actividades. Podedes usalas para ilustrar as diapositivas. Recordo o curso pasado cando fomos ao Coliseo e vistes aos cans policía ou aos cabalos que axudan aos axentes no rural.

  • Acordádevos tamén da biblioteca, da Hora de Ler, se cadra tamén da "Palabra do Mes", do Día da Paz, do Día da Muller, do Día do Libro, do Día das Letras Galegas..., en definitiva, de calquera conmemoración que vos traia un bó recordo.
  • E xa pensando en 5º e 6º, as nosas charlas na roda, o noso boneco de gancho, a axenda, os emojis, a alfombra, o puzzle... o que se vos ocurra.

  • Procurade que haxa unha diapositiva de INTRODUCIÓN, as de desenvolvemento segundo vos acabo de explicar e unha de CONCLUSIÓN, na que podedes poñer que esperades do instituto e da Secundaria.
  • E por último, sede coidadosos coa ORTOGRAFÍA, a gramática e a expresión. Sería moito máis enriquecedor que o fixérades EN GALEGO, pero permito usar o español tamén, iso si, NON MESTUREDES OS IDIOMAS!!
Este traballo é, por suposto, voluntario. Non quería esta semana poñervos "fotocopias" para escribir e repasar, senón que fixérades ese último esforzo, poderiamos chamalo, "histórico". É a vosa vida, unha etapa que remata e da que agardo levedes un bó recordo, eu asegúrovos que si o levo 😍😍😍

Se buscades nos menús do programa de presentacións que usedes podedes incluso poñerlle sons, ou preparar unha presentación cunha música de fondo. E se tedes a ben podedes mandarma por correo unha vez rematada. Insisto, non é obrigatorio facelo, pero como estamos xusto no momento en que remata o Estado de Alarma en Galicia, de estarmos na aula fariámolo igual, só que preparando os últimos días do curso e probablemente con algunha saída que xa tiñamos prácticamente organizada cos de 5º pola Costa de Morte, pero non puido ser.

Se precisades ligazóns a páxinas de programas informáticos gratuitos para separa audios, unir vídeos, etc., 

Programas de vídeo



Presentaciones on line




Durante a semana, se atopo algunha actividade divertida nas páxinas que adoito usar, como www.aulasgalegas.org, poñereina aquí para que a fagades opcionalmente. E o venres teremos unha videoconferencia de despedida con outros mestres e mestras que queren tamén saudarvos e desexarvos o mellor.

Nada máis. Tede ÁNIMO!!, vivide tranquilos e tranquilas. Comezará a "nova normalidade" pero serán uns meses máis sen esquecer a mascariña, o distanciamento social, a hixiene de mans... Recordade que TODO SAIRÁ BEN, antes ou despois. 😀😀😀

Seguirei poñéndovos cousas por aquí. O xoves 18 vereis ás vosas familias cando devolvan os libros e ata finais de mes seguiremos en contacto e despois seguro que tamén. Apertiñas!!!


6 comentarios:

  1. Ao principio pensei que todo eran deberes e leveime un susto...
    Agora que o leín teño unhas gañas de facelo...

    ResponderEliminar
  2. Una pregunta y después que va a pasar con el blog?

    ResponderEliminar
  3. Pues supongo que descargaré todo el contenido e imagino que lo cerraré, pero esto no será el viernes, lo mantendré abierto en verano por lo menos

    ResponderEliminar

Nuevo comentario en ANXOBOOKTUBERS