venres, 19 de xuño de 2020

PUNTO... E SEGUIDO

Non é un final. Polo que falamos na videoconferencia seguirémonos vendo cando saiades do instituto e polo barrio. E agardemos que en setembro poidamos facer un encontro de despedida no colexio, dependerá de como evolucione a situación sanitaria.

Tampouco quero repetirme pero sabedes que o voso grupo de 27 nenos e nenas quedará tamén na miña mente. Xa son tres os grupos que tiven no Anxo da Garda, e todos estades xa no instituto. Cando o primeiro deles, que xa están en 4º da ESO e pasan ao Bacharelato, rematen a súa escolaridade no Moas, gustarame velos na Universidade ou nos estudos que escollan. Os anos pasan e o máis importante para min é que saibades ser nun futuro cidadáns e cidadás con valores e principios solidarios, participativos, responsables... e non teño dúbida que seredes así. E todo iso non se debe só á vosa educación no colexio e no instituto, senón tamén ás vosas familias que SEMPRE están aí, acompañándovos e pendentes de todo o que facedes.

Gustaríame dalgún xeito agradecerlles a eles, aos vosos pais, ás vosas nais, nalgúns casos tamén aos vosos avós e avoas, todo o apoio e confianza que sempre me demostraron como mestre. Sen eles, moitas das cousas que fixemos non serían posibles. E son eles e elas, precisamente, os que sempre vos apoiarán e, por suposto, os que máis vos queren. Nunca esquezades iso.

E pouco máis que dicir. Non vamos a entrar no tema da pandemia de novo, pero sede responsables coa hixiene, co distanciamento e coas mascariñas, que poidamos vencer ao coroavirus depende de todas as persoas que convivimos na sociedade, é un inimigo invisible e silencioso que pode aínda facer estragos, non marchou e temos que seguir alerta. O verán non nos pode relaxar neste aspecto.

Lóxicamente, agardo que teñades éxito. Haberá momentos difíciles, por suposto, tamén os pasamos os adultos na nosa vida cotiá, pero sempre, SEMPRE hai luz ao final. Pensade en positivo e se algunha vez necesitades falar, un apoio, contarme algo, a min sabedes de sobra onde me podedes atopar.

E quero tamén pedirvos perdón se algunha vez errei, que seguro que si, e que pensedes que nunca o fixen intencionadamente. Somos humanos e equivocámosnos, pero sabedes que sempre estivestes presentes non só durante estes tres meses senón dende setembro de 2018 en que comezamos a nosa xeira en 5º.

Pasádeo ben no verán, APERTAS GRANDES E BICOS para todos e todas e sobre todo, GRAZAS por todo o que tamén como profe me aportastes, que foron moitas cousas.  ATA SEMPRE!!





2 comentarios:

Nuevo comentario en ANXOBOOKTUBERS